Idioma: Castelán / Galego

Centro de Innovación e Servizos da Madeira

Promoción da madeira


PROXECTO DE PROMOCIÓN DA MADEIRA DO EUCALIPTO BRANCO NA EURORREXIÓN GALICIA-NORTE DE PORTUGAL
Este Proxecto dispón de páxina web propia:
www.euroglobulus.com

 


En Galicia e Portugal, as plantacións de eucalipto branco (Eucalyptus globulus Labill) superan o millón de ha., sendo a súa principal aplicación a subministración de materia prima para a industria pastero-papeleira.

Tendo en conta que, considerando o volume de cortas, o eucalipto converteuse na principal especie forestal da Eurorrexión “Galicia-Norte de Portugal”, entre os anos 2000 e 2002 desenvolveuse un proxecto orientado a estudar as posibilidades de diversificación das aplicacións da madeira de eucalipto, en produtos de alto valor complementarios á pasta de celulosa.

O eucalipto branco distínguese doutras especies do seu xénero pola súa elevada densidade e dureza, así coma polas súas excelentes propiedades mecánicas. Doutra banda, a tonalidade clara e a facilidade con que pode recibir unha variada gama de acabados fan que este tipo de madeira sexa perfectamente apta para usos de carácter decorativo.

Varios traballos de investigación permitiron coñecer e solucionar os problemas que tradicionalmente limitaron o serrado, secado e encolado desta madeira, posibilitando deste xeito o seu acceso a novas aplicacións de mobiliario e carpintería. Paralelamente, a produción de taboleiros derivados da madeira e chapa decorativa, demostran a súa aptitude para ocupar de xeito crecente novos segmentos de mercado.

O “Proxecto de Promoción da Madeira do Eucalipto Branco” desenvolveuse no marco da iniciativa comunitaria Interreg II, coa fin de promover un maior desenvolvemento dos produtos elaborados co eucalipto branco na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Para acadar este obxectivo desenvolvéronse unha serie de accións que culminaron coa edición do “Manual da Madeira do Eucalipto Branco”.

Nesta publicación recóllense as propiedades da madeira de eucalipto, información sobre o estado das principais tecnoloxías de proceso (serrado, secado, taboleiros derivados, tratamentos decorativos e protectores…) así coma numerosos exemplos de prototipos de carpintería e mobiliario. O manual inclúe un directorio comercial composto por 87 empresas vinculadas na súa actividade á transformación de eucalipto branco nas súas diferentes aplicacións.

No proxecto, dirixido polo CIS-Madeira – dependente da Consellería de Innovación, Industria e Comercio – participaron as Consellerías de Economía e Facenda – a través do Instituto Galego de Promoción Económica – y a de Medio Ambiente a través da Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais. Ademais, contou coa colaboración do Centro Tecnolóxico das Industria de Madeira e Mobiliario de Portugal (CTIMM), a Associaçao das Industrias da Madeira e Mobiliario de Portugal (AIMMP), a Federación de Asociacións Empresariais de Carpintería e Ebanistería de Galicia (FECEG), a Federación Empresarial de Serradores e Rematantes de Madeira de Galicia (FEARMAGA), así como coa achega da Asociación de Investigación Técnica das Industrias da Madeira e a Cortiza (AITIM).