DETERMINACIÓN DA DURABILIDADE NATURAL FRONTE ÓS INSECTOS XILÓFAGOS DA MADEIRA DE Eucalyptus globulus DE GALICIA
Nos textos históricos australianos aparecen múltiples referencias á durabilidade natural da madeira de Eucalyptus globulus procedente de bosques nativos, sendo unha das especies recomendadas para o seu emprego en situacións de alto risco de ataque por organismos xilófagos (peiraos, pavimentos industriais, postes, pontes, construción naval, etc.)
Na actualidade, a normativa australiana clasifica a madeira de Eucalyptus globulus dentro da clase 3 de durabilidade. É dicir cunha vida media do durame en contacto co chan comprendida entre 5 e 15 anos. Esta referencia coincide coa vida útil de numerosos elementos de eucalipto existentes en Galicia, tanto en contacto co chan (guías de viñedos, etc.)
Nembargante, na norma europea (EN 350-2), a madeira de Eucalyptus globulus aparece englobada na categoría inferior de durabilidade natural. Posiblemente, este feito é debido a que se incluíron os datos dunha subespecie (E. globulus biocostata) que ten unha durabilidade natural moi inferior á da subespecie de eucalipto presente en Galicia (Eucalyptus globulus).
A anterior situación, non se corresponde coa realidade y carrexa dificultades á hora de comercializar diversos produtos de madeira de eucalipto en Europa, polo que é importante modifica-la categoría de durabilidade asignada ó eucalipto presente en Galicia.
En xuño de 2005 foi asinado un convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, o CIS-Madeira e a Universidade de Vigo, para realizar un conxunto de ensaios que confirmen a durabilidade natural da madeira de eucalipto fronte ós insectos xilófagos (anóbidos e líctidos).
Este convenio complementase con outros proxectos onde se fai o estudio da durabilidade da madeira fronte ó ataque de fungos xilófagos e termitas subterráneas, estando a instalarse diversos campos de estacas e iniciándose os ensaios en varios laboratorios europeos.
O obxectivo é dispor de tódolos resultados do ensaio necesarios para modifica-la durabilidade natural asignada á madeira de eucalipto na próxima revisión da norma europea EN 350-2 “Durabilidade da madeira e dos materiais derivados da madeira. Durabilidade natural da madeira maciza. Parte 2: guía da durabilidade natural da impregnabilidade de especies de madeira seleccionadas pola súa importancia en Europa.





