Idioma: Castelán / Galego

Centro de Innovación e Servizos da Madeira

Proxecto SIFI-GALICIA

ANÁLISE DA INDUSTRIA DA TRANSFORMACIÓN DA MADEIRA E O SECTOR FORESTAL EN GALICIA.A POSTA EN VALOR DAS SÚAS POTENCIALIDADES MEDIANTE UN SISTEMA DE INFORMACIÓN

Con esta investigación pretendemos coñecer a realidade da industria da transformación da madeira en Galicia. Para iso prestámoslle maior atención aos seus elementos innovadores, que permiten que unha actividade industrial denominada tradicionalmente como madura saiba adaptarse aos continuos cambios económicos do mundo da globalización cara ao que nos diriximos.

A industria da madeira está composta por unha serie de subsectores que son: os serradoiros, que realizan a primeira transformación na madeira logo de ser cortada. Os fabricantes de chapas e taboleiros de madeira cuxos produtos teñen como destino as carpintarías e fábricas de mobles. Estes carpinteiros e fábricas de mobles son os que realizan unha segunda transformación sobre a madeira e obteñen un valor engadido maior sobre a primeira transformación. O último subsector constitúeno as industrias químicas que producen pasta de papel que posteriormente transformarase en papel, cartón e derivados.

Actualmente o factor máis problemático e que ocasiona o maior distanciamento produtivo entre os propietarios forestais e a industria da madeira é que cada un destes subsectores demanda un tipo de madeira diferente, polo que é frecuente que as superficies forestais de moitos territorios presenten desequilibrios e os empresarios transformadores da madeira se véxan obrigados a importar a súa materia prima para cubrir toda a demanda.

Malia iso, o sector da madeira de Galicia está desenvolvido e representado tanto por industrias da primeira transformación (serradoiros), industrias da segunda transformación (mobles) e ata por industrias químicas da madeira (fabricación de pastas de papel). A isto hai que engadir o importante lugar como subministrador de madeira de piñeiro e eucalipto para o resto de España, o que está correlacionado coa necesidade dunha ordenación e planificación do territorio forestal galego para abastecer ao sector máis rendible, a industria do moble. Neste traballo centrarémosnos en analizar (entre outros problemas) por que a industria do moble non se abastece da madeira que dan os seus montes, o que ocasionaría que esta actividade se acercase ao concepto de sustentabilidade.

Analizando as peculiaridades xerais da industria transformadora da madeira en Galicia, tamén chegaremos a percibir a funcionalidade que exercen diferentes áreas rurais sobre o territorio de Galicia, pois, como demostraremos, malia a significación forestal de Galicia e malia que a industria do moble é unha das que maiores beneficios produce dentro do sector da madeira, non é moito o peso que ten en Galicia, aínda que casos como o da Estrada (Pontevedra) ou Sarria e Lourenzá (Lugo) confirman que podería telo e ata ser económicamente máis rendible cunha adecuación da materia prima necesaria, ou á inversa, outro tipo de fabricación de mobles con menor calidade, aínda que lóxicamente isto daría menos beneficios.

Por todo isto, a hipótese deste proxecto é analizar o desequilibrio que existe entre o sector forestal e a industria transformadora da madeira en Galicia, crear unha ferramenta de alta capacidade como é un SIG (Sistema de Información Xeográfica) que combine as variables forestais coas industriais e suscitar unha serie de actuacións lóxicas, con sentido común e respaldo científico que melloren o desenvolvemento do monte-industria de Galicia.