Sistemas de serrado


PROXECTO DE INVESTIGACIÓN SOBRE SISTEMAS DE SERRADO AXEITADOS PARA PROCESAR E. globulus CON TENSIÓNS DE CRECEMENTO

Ver PDF descritivo do Proxecto



O eucalipto branco (Eucalyptus globulus Labill) converteuse nun dos principais recursos forestais das áreas de influencia atlántica da Península Ibérica. De xeito paralelo á expansión das súas plantacións orientadas á produción de fibra, numerosos industriais están cada vez máis interesados ante a posibilidade de diversificar as aplicacións da madeira de eucalipto.

En fronte deste interese, a maior limitación para procesar eucaliptos é a aparición de importantes fendas nas trozas e deformacións posteriores na madeira serrada, ámbalas ocasionadas polas tensións de crecemento, e que diminúen considerablemente o rendemento dos procesos produtivos.

Por elo, o CIS-Madeira planeou un proxecto de investigación cooperativa CRAFT co obxectivo global de analizar a viabilidade técnica de serrar eucaliptos con idades preto ós 30 anos. O proxecto foi cofinanciado pola Dirección Xeral XII da Comisión Europea e desenvolveuse entre xaneiro de 1999 e xuño de 2001.

No proxecto participaron, ademais do CIS-Madeira que exerceu o papel de coordinador; tres serradoiros de Galicia (Parquets Lorenzo, S.A., Maderas Betanzos S.L. e Hermanos Sánchez Pena, S.L), un serradoiro de Portugal (Sardinha & Leite, S.A.), un fabricante xermano de equipamento de serrado de alta tecnoloxía (Mohringer GmbH) e un centro tecnolóxico da madeira francés (CIRAD-Forêt).

Durante o desenvolvemento do proxecto púidose profundizar na orixe das tensións de crecemento e a súa variación conforme ós factores externos; así coma a súa influencia na aparición de fendas e deformación na madeira serrada.

Os resultados abren grandes esperanzas ó demostrar que a silvicultura pode exercer unha clara influencia na diminución dos valores das tensión de crecemento. Ademais probáronse métodos sinxelos que poden ser aplicados á árbore antes da súa corta polos propietarios forestais e que equilibran o valor destas tensións diminuíndo parcialmente os defectos que aparecerán durante o serrado.

Os ensaios de laboratorio permitiron caracterizar as principais propiedades físicas e mecánicas da madeira de eucalipto de entre 25 e 35 anos de idade e definir os seus mercados potenciais nos sectores de carpintería e mobiliario.

O estudio das relacións existentes entre as tensión e as deformacións que se producen durante o serrado, permitiu deseñar un modelo de distribución das tensións de crecemento no interior do tronco de unha árbore que explica o conxunto das deformacións que se producen durante calquera opción de serrado de eucaliptos.

O proxecto remata cunha proposta de tres liñas de serrado de eucaliptos con distintas tecnoloxías de corte que minimizan as deformacións orixinadas durante a liberación das tensións de crecemento.

Tras dous anos e medio de traballo, os resultados do proxecto reafirman as posibilidades de diversificar as aplicación de alto valor dos eucaliptares e permiten o planeamento de importantes expectativas de futuro na política forestal dos países do Sur de Europa.
Grazas a este esforzo, España e Portugal forman parte do grupo de países pioneiros en investigacións sobre serrado de eucaliptos, tentando de desenvolver fórmulas propias que optimicen o conxunto de posibles beneficios derivados dos seus eucaliptares.



(C) 2005 - Quedan todos os dereitos reservados

Imprimir esta páxina