PROXECTO DE DESENVOLVEMENTO DE MÉTODOS DE TRATAMENTO QUÍMICO E TERMOTRATAMENTO DA MADEIRA DE Eucalyptus globulus PARA MELLORAR A SÚA RESISTENCIA FRONTE A AXENTES DE DEGRADACIÓN
O proxecto foi seleccionado para ser financiado na convocatoria do ano 2005 do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica, dentro do Programa de Tecnoloxías de Deseño en Produción Industrial.
O principal obxectivo do proxecto é desenvolver novas aplicacións para a madeira de eucalipto branco (Eucalyptus globulus) cunha elevada resistencia fronte ós axentes de degradación externos (fungos e insectos xilófagos).
No proxecto participan as empresas Financiera Maderera, S.A. e o Grupo Empresarial ENCE, S.A., xunto co Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira de Galicia e un equipo de investigación da Escola de Enxeñeiros Técnicos Forestais da Universidade de Vigo.
As principais tarefas encomendadas ó CIS-Madeira son o desenvolvemento dunha cédula de tratamento da madeira de eucalipto con sales hidrosolubles, e o estudo das modificacións nas propiedades físicas e mecánicas que carrexa un tratamento térmico da madeira.
As elevadas propiedades mecánicas da madeira de eucalipto, xunto coa impregnabilidade da súa albura poden permitir o seu emprego en aplicacións situadas en clases de risco 4 (madeira en contacto co chan ou auga doce) e 5 (madeira en contacto con auga mariña). Durante o proxecto realizaranse diversas experiencias industriais de tratamento en autoclave que garantan os índices de penetración e retención esixibles para garantir un axeitado comportamento da madeira nas devanditas clases de risco.
Doutra banda, a madeira termotratada constitúe unha importante novidade tecnolóxica desenvolta recentemente en Europa. En esencia, consiste en someter á madeira a un tratamento térmico (normalmente entre 180 e 220 ºC) durante un período de tempo que adoita oscilar entre 48 e 60 horas. O proceso mellora certas propiedades da madeira coma a súa estabilidade, cor máis homoxénea e, sobor de todo, a súa resistencia fronte ós axentes de degradación. Por contra diminúen propiedades coma a densidade, dureza, resistencia á flexión, etc. No caso do eucalipto branco, dada a súa elevada densidade e propiedades mecánicas, este diminución ten menos importancia que noutras especies de madeira e pode constituír unha importante oportunidade de mercado para o desenvolvemento de produtos expostos a unha clase de risco 3 (madeira exposta directamente á intemperie pero non en contacto co chan).
|