Manual de boas prácticas na embalaxe

Dispoñible o Manual de Boas Prácticas na Embalaxe

O CIS Madeira pon a disposición dos interesados os resultados do “Estudo de Mellora na Embalaxe e no Transporte da Madeira en Galicia” (E.M.E.T. Madeira). A preocupación por un continente e unha distribución que manteñan intacto o contido é a causa da necesidade deste proxecto.

En moitas ocasións, un ben que adquire un cliente no mercado presenta alteracións con respecto ao produto que saíu da fábrica. Estas deficiencias poden estar provocadas por non seguir unha serie de pautas de actuación no seu embalaxe ou transporte. Así, son comúns roturas en mobles, deformacións da súa superficie ou raións que mingúan a calidade que busca o comprador.

E.M.E.T. Madeira é unha resposta a este aspecto, ás veces pouco valorado, que é o tránsito entre o produto rematado e a súa chegada ás tendas ou ao consumidor final. Son moitos os casos de produtos elaborados en madeira que perden o seu valor por algo tan sinxelo coma a súa protección coa embalaxe ou o seu correcto proceso de distribución. Isto é un problema que repercute na confianza do cliente coa marca e tamén unha perda de cartos no caso de ter que ofrecer outra peza que si estea en perfecto estado.

Este estudo nace da colaboración entre o Clúster da Madeira e o propio CIS Madeira. Para a súa elaboración, contouse coa participación do Instituto Tecnológico del Mueble, Madera, Embalaje y Afines (AIDIMA) e de cinco empresas galegas dos sectores do mobiliario de fogar, mobiliario de cociña e portas.

A presentación oficial do E.M.E.T. Madeira foi o pasado 11 de Maio. Os sinxelos procedementos e boas prácticas que recomenda o documento final do proxecto están agora xa dispoñibles nesta web para a súa descarga.


Descarga

Manual de Boas Prácticas na Embalaxe   PDF  

(C) 2005 - Quedan todos os dereitos reservados

Imprimir esta páxina