A Plataforma Tecnolóxica da Madeira está seguindo a folla de ruta prevista para a presentación de proxectos innovadores susceptibles de subvencións da Unión Europea. O 22 de Abril, o comité executivo da Plataforma, reuniuse en Santiago de Compostela. Tratáronse diferentes puntos; dentro do funcionamento interno da propia Plataforma e tamén con respecto a posibilidades de engadir á mesma novas ferramentas externas que poidan resultar útiles. Contou coa presenza de moitos dos axentes do sector, encabezados polo CIS Madeira.
A exposición dos aspectos máis salientables da ferramenta informática ISIS abriu a xornada. Este é un sistema de información estratéxica que analiza e identifica as innovacións e cambios que suceden ao longo da cadea de valor dun sector económico determinado. Parte do contexto de economía mundializada, para chegar a posibles camiños innovadores rendibles que se adapten ás características propias de Galicia. Coñecer o entorno da Innovación e do sector coma un acto de intelixencia competitiva que defina os aspectos concretos nos que desenvolver as innovacións máis necesarias para a madeira. Isto sempre coa perspectiva de adiantarse ao cambio mundial, prevendo as necesidades futuras non tan lonxanas.
Logo desta exposición, o comité pasou a tratar diversas propostas de actuación da Plataforma. Entre estas propostas, garantiuse a confidencialidade dos proxectos que impliquen a varias empresas, mediante a laboura mediadora do CIS Madeira. Outra das garantías establecidas é a de que os proxectos darán beneficios nun prazo máximo de catro anos. Este obxectivo, foi o que abriu o debate sobre cara onde orientar os proxectos en desenvolvemento da Plataforma. O sector da madeira en Galicia, por tradición, sempre se achegou a innovación a través da propia produción. E algo que quizais permaneceu esquecido foi propoñer innovacións de cara ao mercado, aos consumidores. Así, sen deixar de lado a eficiencia produtiva, o atractivo do produto final pode ser un novo filón para o sector da madeira, de cara a conseguir un maior desenvolvemento económico.
|