Vostede está aquí: Proxectos
Volver a: Inicio
Xeral:
Información de Contacto
Edición
Mapa do sitio
APROVEITAMENTO DA BIOMASA FORESTAL NA CADEA MONTE-INDUSTRIA DE GALICIA II.
O obxecto deste proxecto é completar e actualizar o traballo realizado polo CIS-Madeira nos anos 2000-2003 co motivo de avaliar as distintas tecnoloxías de recollida e tratamento da biomasa xerada nos aproveitamentos forestais de Galicia. O impulso dado nos últimos anos a este sector, fai que na actualidade existan novos equipos que é necesario probar e avaliar nas condicións particulares de Galicia. A realización destas probas é esencial para que as empresas poidan coñecer os diferentes aspectos e custos que van concorrer no futuro emprego deste material.
A primeira tarefa do proxecto consiste na realización de probas reais de recollida e tratamento dos restos de curta a fin de quenda, tanto en piñeiro como en eucalipto, con equipos non empregados anteriormente en Galicia. A diferenza do proxecto anterior no que a preparación do material foi realizada a posteriori da curta e simulando diversas situacións de almacenaxe, nestas novas experiencias buscarase a integración do proceso de tratamento na organización e xestión do aproveitamento da madeira co fin de optimizar os traballos de preparación dos restos para a súa recollida e procesado.
A segunda tarefa comprende a realización de probas reais de recollida e tratamento do material xerado nas primeiras curtas de madeira ou primeiras claras realizadas nas masas forestais. Contemplarase traballar tamén sobre masas de frondosas onde existe actualmente un importante potencial para este tipo de actuacións silvícolas.
A terceira tarefa consiste na caracterización físico-química dos residuos obtidos, que comprenderá as análises de contido de humidade, contido de cinzas, poder calorífico superior e inferior, distribución granulométrica e distribución por calidade de material (material para proceso/material para queimar).
A cuarta tarefa consiste na avaliación de sistemas industriais de clasificación do material co motivo de conseguir unha segregación do material susceptible de ser empregado como materia prima pola industria de fabricación de taboleiro aglomerado, ou ata para a industria do taboleiro de fibras. A posibilidade de empregar parte deste material para proceso, permite manter o Carbono fixado polas masas forestais, secuestrado por máis tempo, mellorando ao contribución do sector forestal á loita contra o cambio climático. Ademais a utilización de materia en proceso xera máis valor engadido e mantén máis emprego que o seu uso exclusivamente como combustible.
Ir a: Proxectos Biomasa de mato