Anxo Quintana presidiu o 16 de Xullo a sinatura da constitución do Foro da Madeira en Santiago de Compostela. O Foro está integrado polas Consellerías de Vivenda e Solo, Medio Rural, e Innovación e Industria, representando ao Goberno Galego, e polo Clúster da Madeira, Fearmaga, Asociación Galega Monte-Industria e Feceg, representando as empresas e agrupacións do sector. O CIS Madeira, coma ente pertencente á Consellería de Innovación e Industria, terá un papel impulsor e activo para acadar os obxectivos do Foro
A posta en marcha dunha cultura da madeira que impere en Galicia é a premisa fundamental desta iniciativa. A colaboración entre institucións e empresas ten coma obxectivo que o sector se implique máis na innovación, o fomento do emprego da madeira en todos os aspectos da construción, a sensibilización ante esa nova cultura da madeira mediante concursos e a edición de publicacións específicas que recollan exemplos de obras realizadas con madeira en Galicia.
Ademais, avanzarase en mecanismos de formación, con iniciativas coma a continuación do “Curso de Construción en Madeira”, que na súa primeira edición en 2007 xa foi organizado pola Consellería de Vivenda e solo e o CIS Madeira. O curso de posgrao de “Deseño e cálculo de estruturas de madeira”, impartido pola Universidade de Santiago en colaboración co CIS Madeira, é outra gran aposta formativa do Foro da Madeira
Quintana salientou que este Foro nace coma "un espazo de reflexión e traballo e como un instrumento transversal de traballo" entre diferentes áreas do Goberno. Engadiu que a participación de tres consellerías no leva consigo a posibilidade de intervir transversalmente para fortalecer un sector, como o da madeira, cun impacto global na economía de Galicia e no seu desenvolvemento social e ambiental, "é a primeira vez no noso país que esta maneira de traballar se aplica ao sector da madeira" e resaltou que, precisamente, xa era hora de que houbera unha acción transversal do Goberno para un sector tan importante, contando ademais coa colaboración do propio ramo.
En tempos de dificultades e crise, o sector da madeira demostrou a súa fortaleza, crecendo na súa facturación un 6% en 2007. Ademais, é un sector vertebrado ao longo de todo o territorio galego, velaquí a importancia de iniciativas coma a do Foro da Madeira para reforzar unha industria tan importante que ata agora non tivo o pulo que precisaba.





