Galego / Castellano / English

Centro de Innovación e Servizos da Madeira

Presentación do proxecto "Quality Wood"

O Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira de Galicia (CIS Madeira) presentou o proxecto europeo Quality Wood o pasado sábado 29 de marzo dentro da programación da feira Foresgal, que tivo lugar no Pazo de Feiras e Congresos da cidade de Lugo, contando coa participación de destacados expertos.

O proxecto europeo Quality Wood (www.eufirewood.net), pertencente ó programa ALTENER-IEE, ten como obxectivo contribuír a mellorar as condicións de emprego da leña dende o punto de vista da súa calidade como combustible, así como difundir prácticas respectuosas co medio ambiente en relación coa súa combustión. Asi mesmo a cooperación e a difusión de información entre os diferentes actores que interveñen na cadea de produción e subministro eríxense como claves para a mellora do emprego da leña.

O incerto futuro no abastecemento enerxético estimula a procura de alternativas ao emprego de enerxías fósiles, apostando por unha maior participación das enerxías renovables autóctonas. Neste senso, a leña é un combustible de orixe biolóxica natural que participa na conservación do medio ambiente, posto que produce menos emisións contaminantes que os combustibles fósiles por mor do seu baixo contido en xofre e nitróxeno. Dun xeito gráfico, pódese sinalar que o emprego dun quilogramo de leña evita a emisión de 1,34 kg de CO2 á atmosfera.

Por outra banda, partindo da base de que aproximadamente 4 quilogramos de leña equivalen enerxeticamente a 1 litro de gasóleo e tendo en conta a situación actual dos prezos dos combustibles fósiles, o emprego dun sistema de calefacción moderno con leña permitiríalle a unha familia galega que habite nunha vivenda unifamiliar -cun consumo medio de 1.200 l/ano de gasóleo C- un aforro de entre o 40 e o 50 %.

Galiza rexistra na actualidade un consumo de leña como biocombustible de preto de 500.000 toneladas ao ano, sendo o seu potencial superior posto que a súa superficie forestal equivale ao 69 % da comunidade e un 50 % do terreo é arbóreo.

Descargas

Título  Autor  Descarga 
Diagnóstico da situación actual do sector das leñas en España   Amelia da Vila e Martín Santalla - CIS-Madeira  PDF [1.144 KB]  
Normalización de biocombustibles sólidos y sus usos térmicos   David Sánchez - CENER  PDF [747 KB]  
Firewood production and business models   Jyrki Raitila - VTT  PDF [999 KB]  
Properties of Wood Fuels used in Finland - BIOSOUTH - projet  Eija Alakangas - VTT  PDF [1.609 KB]  
Video para descarga (alta calidade)     qualitywood.wmv [103.767 KB]  
Video para visualización web     qualitywood2.wmv [10.275 KB]