Os grupos de traballo da Plataforma Tecnolóxica Galega da Madeira abordaron os posíbeis proxectos de innovación que marcarán a súa axenda nos próximos meses. O 26, 27 e 28 de Febreiro, reuníronse cada un dos subsectores da madeira no hotel Puerta del Camino, en Santiago de Compostela. O plantexamento de problemas comúns e proxectos innovadores nos que traballar xuntos foi o obxectivo destas reunións.
Os serradoiros abordaron cuestións relativas ao emprego de ferramentas dixitais que sexan útiles para un mellor aproveitamento dos recursos forestais. Unha necesidade modernizadora na procura da eficiencia produtiva.
O subsector galego dos taboleiros é un dos máis avanzados en materia de I+D+i a nivel estatal. O principal reto será a reciclaxe de residuos que poden ser aproveitables, en relación cunha preocupación ecolóxica e de sustentabilidade.
As industrias da segunda transformación representan o subsector máis numeroso en cantidade de empresas. Por iso resulta relevante que os seus proxectos estean encamiñados a novos usos de refugallos producidos, en consonancia co grupo dos taboleiros, e cara unha produción ecolóxica e de calidade.
Por último, o subsector silvícola incidiu na necesidade da aplicación das novas tecnoloxías para acadar unha explotación ordenada dun monte, coma é o caso de Galicia, no que aínda estamos lonxe de lograr unha ordenación eficiente do territorio e dos seus recursos.
Este é o comezo da posta en común de proxectos de cooperación que teñan a entidade suficiente para aspirar a formar parte dos fondos europeos de axuda á innovación, que destinan a Galicia máis de 400 millóns de euros. Tamén comezarán as visitas a empresas por parte da Secretaría Técnica e da Asesoría Zabala, para estudar posíbles liñas de innovación individual.
Así mesmo, este mes de Marzo, terá lugar unha reunión conxunta de todas as plataformas tecnolóxicas galegas, que servirá para tratar de aproveitar sinerxías innovadoras comúns entre os sectores estratéxicos máis importantes. Cómpre decatarmos de que os cartos dos fondos europeos precisan dunha aposta de unión e amplitude de miras para acceder aos mesmos.







