Un acto en Santiago de Compostela o 6 de Febreiro serviu para presentar o Plan de Traballo da Plataforma Tecnolóxica da Madeira. As empresas do sector e o CIS Madeira, no seu papel de secretaría técnica da Plataforma, contaron coa presenza da Asesoría Zabala para falar sobre os pasos iniciais concretos que vai emprender a Plataforma. Así, as primeiras reunións dos grupos de traballo quedaron establecidas para os días 27, 28 e 29 de Febreiro.
Francisco Pedras, director do CIS Madeira, introduciu algúns aspectos xenéricos da Plataforma e anunciou as datas das primeiras reunións. Na xornada, coa colaboración da Asesoría Zabala, abordouse o obxectivo específico de presentar polo menos catro proxectos cooperativos nos que participen as empresas da Plataforma para obter axudas financeiras e técnicas dos fondos europeos de axuda á innovación.
Os catro proxectos deben partir de cada un dos grupos de traballo establecidos: silvicultura, serradoiros e aproveitamento forestal, taboleiros e pasta e papel, e carpintaría e mobiliario. As reunións de cada un deles trazarán os proxectos a realizar a partir do consenso entre os axentes implicados. A finalidade é que xurdan dúas ideas de proxecto para cada un dos subsectores.
Mentres tanto, as actividades formativas e de vixilancia tecnolóxica continúan o seu curso na Plataforma co obxecto de que a análise exhaustiva do sector e os distintos programas de axudas á innovación contribúan á elaboración de proxectos de entidade. Estes deben saír adiante co visto e prace dos organismos xestores das axudas (Xunta de Galicia e Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial).
Programa
Descarga do programa de traballo [70 KB]






