Galego / Castellano / English

Centro de Innovación e Servizos da Madeira

Xornada: Perspectivas da biomasa en Galicia

O mércores 23 de xaneiro, o CIS Madeira estará presente na “Xornada sobre a situación e perspectivas da Biomasa coma produtora de enerxía en Galicia”, no hotel Porta do Camiño en Santiago de Compostela. Esta xornada, organizada pola Asociación e Colexio de Enxeñeiros de Montes de Galicia, conta con varias charlas ao longo da mañá e que continuarán pola tarde.

A inauguración da xornada, ás 10:00 da mañá, terá coma protagonista ao Conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal. O director do CIS Madeira, Francisco Pedras, intervirá na charla titulada “Biomasa forestal: sistemas de manexo e tratamento probados en España e a súa aplicación en Galicia”.

Integrar no respecto ao medio ambiente o aproveitamento enerxético na procura dun desenvolvemento sustentable é un obxectivo cada vez máis importante. A Biomasa é unha fonte de enerxía renovábel que emprega recursos forestais que anteriormente eran considerados coma improductivos, coma o caso do mato ou dos residuos dos aserradoiros e empresas de transformación da madeira. O CIS Madeira estudia a viabilidade competitiva desta fonte de enerxía, dado o seu papel futuro nun contexto de aumento da importancia da ecoloxía e a protección ambiental.

Á xornada tamén acudirán expertos das universidades de Vigo e Santiago, das Consellerías de medio rural e de industria da Xunta de Galicia, da Xunta de Castela e León, e de empresas coma Iberdrola e ENDESA.