O Cluster da Madeira de Galicia, en colaboración co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, participando ademais como patrocinadores as Consellerías de Vivenda e Solo, e Innovación e Industria da Xunta de Galicia, convoca o presente concurso coa finalidade de fomentar e potenciar o uso da madeira no mundo da construción habitacional.
Para elo establécense tres categorías independentes de participación:
- CONCURSO DE ANTEPROXECTOS DE VIVENDA EXPERIMENTAL EN MADEIRA (MÓDULO BÁSICO)
- CONCURSO DE DESEÑO DE ELEMENTOS CONSTRUTIVOS DE MADEIRA (DESEÑO EN MADEIRA)
- PREMIO PARA A REHABILITACIÓN E A RECONSTRUCIÓN EN MADEIRA (REHABILITAR EN MADEIRA)
Para participar no concurso é preciso inscribirse antes do 7 de setembro.
1 - Módulo básico
Para a selección dun anteproxecto de prototipo de vivenda experimental denominada "Módulo Básico", con utilización da madeira en elementos estruturais e compoñentes construtivos e que permitan a optimización da vivenda producida en serie, aproveitando as súas vantaxes de lixeireza, traballabilidade e resistencia, en combinación con outros materiais e sistemas.
A situación da vivenda para a presentación a concurso será de libre elección polos concursantes, valorándose en todo caso a adaptabilidade da proposta presentada a distintos terreos e superficies, debendo ser esta modulable e adaptarse a diferentes situacións, parcelas, orientacións e modos de vida.
2 - Deseño en madeira
Para a selección dunha serie de elementos deseñados en madeira que permitan a súa futura integración na construción habitual en madeira.
Os participantes poderán presentar deseños que fagan promoción do uso da madeira en portas, ventás, pisos, revestimentos, escaleiras ou mobles.
Valoraranse positivamente os traballos que favorezan a innovación estética, as posibilidades funcionais e a facilidade de uso.
3 - Rehabilitar en madeira
Poderán concursar nestes premios os edificios rehabilitados ou reconstruídos existentes na Comunidade Autónoma de Galicia nos que a
madeira xogase un papel predominante ou característico.
Deberán ser proxectos xa executados e finalizados de edificacións de uso residencial, institucional, comercial, industrial ou outros.
Xurado
O Xurado que fallará o premio estará composto polos seguintes membros:
Presidente
- Presidente do Cluster da Madeira de Galicia ou persoa na que delegue.
Vicepresidente
- O Director do CIS-Madeira
Vogais
- Un arquitecto designado en representación da Consellería de Innovación e Industria da
- Xunta de Galicia
- Un arquitecto designado pola Consellería de Vivenda e Solo da Xunta de Galicia
- Un arquitecto en representación do COAG
- Un arquitecto designado polos concursantes
- Un deseñador de renome invitado polo CLUSTER
Secretario
- Un representante da Secretaria de concursos do COAG (con voz pero sen voto)
Para máis información consultar a páxina: http://www.coag.es/concursomadeira/





