As Xornadas de Construción e Urbanismo Sostible teñen lugar no Colexio de Arquitectos de Lugo. O Director do CIS Madeira, Francisco Pedras, da unha charla o luns 12 de Xaneiro sobre a Madeira coma Material innovador. É unha demostración de que este recurso, tan usado polo home ao longo da historia, ten unhas características que o fan ser unha materia prima totalmente punteira no contexto do cambio climático e a procura do desenvolvemento sostible.
A eficiencia enerxética é unha das vantaxes que nos ofrece fronte a outros materiais construtivos. Non é necesario emitir moito CO2 no seu ciclo de vida, que inclúe a posibilidade de reciclalo e darlle novos usos. A madeira provén da natureza e no seu proceso de transformación e posta en obra require moita menos enerxía có formigón, cunha diferencia de 1 a 4. No caso do aceiro, a proporción é aínda maior, 1 a 60.
Este emprego de menor enerxía supón menos emisións de CO2. Ademais de emitir menos contaminación, a madeira é un fixador de dióxido de carbono. Mediante a fotosíntese, utilizando enerxía solar, auga e substancias minerais dispoñibles no substrato, as árbores producen un material, a madeira, que está composto na súa maior parte por carbono. Un metro cúbico de madeira equivale a unha tonelada de CO2. No proceso de obtención de outros materiais se emite ata tres veces a cantidade de CO2 que a madeira retén.
Analizando o seu ciclo de vida, a madeira presenta unha serie de vantaxes adicionais, ao tratarse dun producto que presenta un constante aumento de produción biolóxica en Europa. As actividades necesarias para o seu aproveitamento son pouco contaminantes. Gracias ao ciclo de vida do carbono, o CO2 permanece ata na súa reutilización, cando outros materiais contaminan na súa elaboración, e incrementan o consumo de CO2 no caso de seren reciclados noutros usos.
Entre as propiedades da madeira, destaca a de ser un bo illante térmico. Debido á súa estrutura celular, é un material que posúe unha condutividade térmica moi baixa. En comparación co formigón e o aceiro presenta características de illamento térmico moi superiores (15 e 430 veces respectivamente). Este feito favorece o aforro enerxético e a ausencia de condensacións na superficie interna de pechamentos de exterior. Así, ademais de cumprir unha función estrutural na construción, tamén cumpre esa función illante ao mesmo tempo.
É importante tamén a súa capacidade para intercambiar humidade co aire, contribuíndo a equilibrar a humidade no ambiente das estancias nas que se emprega madeira. Unido ao confort que produce, e á súa durabilidade, a madeira resulta , pois, un material eficiente, funcional e sostible. Un material na vangarda e innovador.





