PROXECTO DE COOPERACIÓN TÉCNICA PARA O DESENVOLVEMENTO DAS APLICACIÓNS INDUSTRIAIS DA MADEIRA DE PINUS PINASTER (ATLANWOOD)

O proxecto ATLANWOOD xurdiu no marco do Programa Comunitario Interreg III-B Espazo Atlántico 2000-2006, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, co obxectivo de favorecer a cooperación transnacional no ámbito da industria transformadora da madeira.

As rexións representadas nesta iniciativa (Aquitania, Centro e Norte de Portugal, e Galicia) corresponden a territorios de clara vocación forestal, con características comúns entre as que destaca unha destacada presenza da especie Pinus pinaster. A superficie total ocupada polo pinaster, tamén coñecido como piñeiro galego, rolda o millón de hectáreas nos tres principais países onde se sitúa (Portugal, España e Francia), estendéndose ampliamente na zona de influencia atlántica comprendida entre o suroeste de Francia (Aquitania) e o centro de Portugal.

Neste contexto, o aproveitamento da madeira de Pinus pinaster desempeña un papel esencial no desenvolvemento dunha actividade económica, vinculada á industria forestal, cuxa contribución ao produto interior bruto resulta especialmente relevante en Galicia, Aquitania e Portugal. Estes tres territorios configuran en conxunto una das principais áreas de desenvolvemento da industria forestal no sur de Europa.

O proxecto foi liderado polo Cluster da Madeira e o Deseño de Galicia, co apoio técnico do CIS-Madeira, contando coa colaboración de destacadas entidades empresariais asociativas, representativas da industria forestal en Portugal e en Aquitania, así como doutros centros tecnolóxicos franceses e portugueses. Concretamente, participaron a Associação das Indústrias de Madeira e Mobiliário de Portugal (AIMMP), a Fédération des Industries du Bois d´Aquitaine (FIBA), o Centro Tecnológico das Indústrias da Madeira de Portugal (CTIMM) e o Centre Technique du Bois et de l´Ameublement (CTBA).

O traballo realizado orientouse fundamentalmente cara á integración de información proveniente de Francia, España e Portugal, co obxectivo de facilitar a difusión de coñecementos sobre aplicacións e procesos de transformación diversos, desenvolvidos, de forma desigual, nos tres países. Entre os contidos, cabo destacar o apartado relativo a produtos, no que se mostra unha selección de prototipos de mobiliario, fabricados recorrendo a propostas de deseño que permiten destacar as posibilidades decorativas que ofrece este tipo de madeira, a través da súa característica veta marcada. Tamén, no apartado sobre elementos de construción, ofrécense numerosos exemplos sobre posibilidades de utilización con amplo potencial de desenvolvemento en Galicia e calidades estéticas excepcionais.

A publicación resultante do proxecto ("Aplicacións Industriais da Madeira de Piñeiro Pinaster") editouse en cinco idiomas (galego, castelán, inglés, francés e portugués). Todas as edicións atópanse accesibles en formato electrónico a través da páxina web do CIS-Madeira (ver publicación).



Artigo elaborado por Fernando Sanz.