Galicia produce a metade a madeira que se tala no estado. Este dato demostra a capacidade autosuficiente de Galicia a nivel forestal, xa que é un recurso moi abundante que non precisamos importar. As dúas especies maioritarias en número de metros cúbicos cortados son o Piñeiro pinaster e o Eucalipto branco. A madeira destas dúas árbores non é empregada para acadar produtos de alto valor engadida. A inmensa maioría do noso potencial forestal non custa moito no mercado, impedindo unha maior riqueza nas nosas explotacións madeireiras. Aínda peor, tráese madeira de países tropicais con todos os custes de diñeiro e de enerxía que isto supón.
O CIS Madeira realizou as publicacións “Eucalyptus. Aplicacións da madeira” (2007), “Aplicacións industriais da madeira de piñeiro pinaster” (2006) e “Manual da Madeira de Eucalipto Branco” (2002) co obxectivo de demostrar as posibilidades reais de aproveitamento da madeira das dúas especies forestais maioritarias en Galicia.
“Eucalyptus. Aplicacións da madeira” reflicte nun gran número de fotos a calidade descoñecida deste recurso madeireiro. As melloras nos procesos produtivos permiten novas aplicacións en mobiliario e carpintería. Os exemplos que aparecen están elaborados con eucalipto branco serrado en Galicia.
O manual do Piñeiro Pinaster nace do proxecto “Atlanwood”, enmarcado na iniciativa comunitaria Interreg III B “Espacio Atlántico”. É esta unha posta en común de coñecementos e experiencias por parte do CIS Madeira, a AIMPP portuguesa e a FIBA francesa acerca dunha madeira presente nestes tres países.
O manual da madeira de Eucalipto Branco trata de proporcionar máis luz á escuridade dos coñecementos acerca desta madeira. Recolle un conxunto de directrices a aplicar tanto no monte coma na súa transformación para poder diversificar este material en produtos de alto valor engadido.
Con estas publicacións coñeceremos mellor unhas madeiras que ocupan a meirande parte da nosa superficie forestal e nembargantes permanecen ignoradas ou desprezadas.
|