O Foro da Madeira convoca o primeiro concurso de ideas para obter prototipos de vivendas construidas con este material.

Os proxectos que se presenten deberán cumprir as Normas do Hábitat Galego e axustarse a un orzamento de execución material de 600€/m2. O Concurso tamén inclúe as categorías para mobiliario de espazos públicos, prototipos de naves agrícolas e forestais no medio rural e a categoría de rehabilitación

Convocase o primeiro concurso de ideas para fomentar o uso da madeira no eido da construción, da creación de mobiliario para espazos públicos e da rehabilitación. Esta é a primeira iniciativa que emprende o recén constituído Foro da Madeira co obxectivo de promover unha nova cultura do uso da madeira en Galiza, que aposte pola competitividade do sector a nivel estatal e internacional.

Este concurso consta de catro categorías:

Módulo vivenda ten como finalidade a obtención dun prototipo de vivenda unifamiliar. A superficie deste prototipo estará pensada para unha vivenda de entre 45 e 120 m2 que utilice a madeira como elemento estrutural e nos compoñentes construtivos da vivenda. A pretensión do Foro da Madeira é acadar un prototipo que permita a optimización da vivenda producida en serie. Os proxectos que se presenten deberán cumprir as Normas do Hábitat Galego e axustarse a un orzamento de execución material de 600€/m2.

Mobiliario para espazos públicos Esta categoría está pensada para obter proxectos de mobiliario externo deseñado en madeira que poidan ser aptos para o seu uso en espazos públicos: prazas, xardíns, paradas de transporte... entre outros, que poderán instalarse no medio urbano e rural. Neste caso o Foro da Madeira valorará os proxectos que incorporen elementos innovadores e a súa facilidade de uso e mantemento.

Unidades dotacionais no medio rural Nesta categoría o Foro da Madeira quere obter un prototipo de nave gandeira e forestal, no que a madeira tamén terá que ser o elemento principal. Tamén se poden presentar propostas para almacéns, puntos de encontro das brigadas de incendios ou casetas de vixilancia.

Rehabilitar en madeira poderán concursar edificios rehabilitados ou reconstruídos en Galiza, nos que a madeira tivese un papel predominante.

Tipo de Concurso

O presente concurso de ideas desenvolverase aberto e nunha soa fase, e ten carácter privado. Rexerase polo descrito no presente prego, quedando a secretaría do concurso e, no seu momento, o xurado, facultados para resolver cantos aspectos non se atopen explicitamente indicados, tomando en calquera caso como referencia de actuación a lexislación civil, mercantil e administrativa en materia de contratación. Todas as decisións que no seu caso deban tomar respectarán os principios de publicidade e non discriminación duns concursantes respecto a outros.